Cando era unha anana enormemente inxenua un amigo do Dr.Slump díxome que todo canto nos arrodeaba reflectía parte da psique dos seus creadores. Foi un shock. E foi a peor cando un libriño dun tal
Froiz caeu nas miñas mans. Durante unha boa tempada alí onde Arale sempre vira un garfo, pasou a ver o símbolo do sadismo occidental; onde houbera un auto deportivo, de
súpeto vía a un deseñador e a un conductor acomplexados polo tamaño do seu membro viril; e onde había unha central nuclear gringa como a da foto, vía un trauma infantil con Dolly Parton ou as tetas de
Sabrina Salerno. Así que cando me levaron a visitar a Sagrada Familia e o Parque Güell só tiven dúas opcións, ou darme as drogas ou que me resetearan. A día de hoxe aínda non sei cal das dúas escolleu o Dr.Slump, nin qué carallo tiña Gaudí na testa.
Realmente é un enigma para min que lles pasa pola cabeza aos arquitectos e aos deseñadores industriais cando argallan todos eses chintófanos que pasan a formar parte da paisaxe urbana e doméstica. Pero é realmente tentador tentar adiviñalo. Por exemplo, temos a
Loos e o seu manifesto "
Ornamento e Crime": todo engadido á construcción con fins decorativos é inmoral amáis dunha forma de escravitude para os obreiros. Unha perversión. Sadismo puro. Para el non había nada máis fermoso que as superficies lisas. Está claro que o acné da súa moza debeu ser
casus belli na relación. E, home, a min gústanme os edificios de Gaudí, pero algo de razón non lle falta ao Loos ao falar do Art Nouveau, porque os obreiros debéronas pasar canutas e as señoras da limpeza debénse lembrar da nai que pariu a Gaudí día si e día tamén. E supoño que por seguridade, mellor nin mentarlles ao
Churriguera.
Porque... ao final ¿para quen se fan os edificios: para os egos dos arquitectos ou para os cidadáns?
¿alguén pensou no pobre limpacristais cando fixeron a
Kunsthaus de Graz?
¿ocorreuselle a ese arquitecto en busca da fama que engadir un zócalo "decorativo" non é máis que outro punto de acumulación de merda? Iso por non falar dun dos máis brillantes talentos arquitectónicos que construiron en Santiago DC: Mr.
Siza. Sabemos que lle gustan as superficies lisas, así que moi sádico non debería de ser pero... ¿porque escuro motivo teñen que abrir as portas dos microaseos cara dentro? ¿Para crear unha elite de
xornalistas e
artistas con alto potencial contorsionista? (N. de T.:Nalgúns cubículos do edificio é prácticamente preciso subirse á tapa do wc para fechar a porta, saquen vostedes as súas propias conclusións).
Así que namentres a
Arquitectura Xenética non avance abondo como para facer edificios que se autoaseen coma os gatos ou que fagociten e metabolicen a súa propia suciedade (seica os frikis da arquitectura biomimética tamén teñen a esperanza de que as casas, con pelo, poros e pel se fai falta, saiban adaptarse ao estado de ánimo do morador), reclamo que non se faga nin un edificio máis sen que os arquitectos negocien coas señoras da limpeza cada un "puntos negros" do edificio proxectado. Se queren canalizar as súas pulsións reprimidas ou o seu "arte" que pinten cadros ou que se metan a políticos, pero que non nos fagan máis difícil aínda a vida ao meu
R2D2 gótico e a min. E si, tocoume sacalo de paseo pola casa.