4.07.2007

Tribalismo e Insignificancia

Anda estes días por casa un amigo británico de Gatchán, un adolescente ben aleuto que está a namorar da "Galician-way-of-life". Alén das prototípicas e divertidas anécdotas (como que pensou que as cuncas de viño eran de salsa para mollar a empanada), sempre é curioso coñecer a visión dun foráneo no relativo á sociedade que o acolle. O outro día comentou que lle sorprendía positivamente que a mocidade non estivera tan tribalizada coma no Reino Unido. A raíz da observación viuse obrigado a deleitarnos cunha pormenorizada descrición dos grupúsculos sociais nos que a xuventude das Midlands (seica nas grandes cidades é aínda máis atomizado) se divide. A cousa mete medo.
Segundo nos contou, dunha banda están os emos (leáse imo), de estética punk-rockera, autocompasivos e depresivos por decreto, os goths e os rockers, máis clásicos. Logo están os plastics, moi coidadosos coa estética, snobs e socialmente maquiavélicos, os plastic-wannabe (é dicir, os "quiero y no puedo") e os trendies, vencellados ao futbol, obsesionados por ir elegantes e consumidores de mensaxes amarillistas. Finalmente están os chavs (subdivididos nunha chea de subgrupos segundo sexan de clase media -máis perigosos porque mercan armas brancas-ou de clase baixa/scallies) que se caracterizan por levar roupa deportiva, complementos de Burberrys, xoias de ouro e por unha actitude agresiva contra todo en xeral. Os chavs son especialmente anti-emo e anti-goth, así que son frecuentes as malleiras e peleas entre eles. Aos plastics tamén lles cae de cando en cando por elitistas. Os rockers adoitan levarse ben con todo o mundo e ser os principais proveedores de drogas brandas. Trendies e chavs adoitan levarse ben. Seica os geeks, freaks, nerds e burn-outs están á marxe destas historias. E a que veu esta sesión de antropoloxía urbana adolescente?
O curioso destas tribus é que son alleas a toda cuestión política. Teñen unha estética moi específica, unha xerga determinada, uns hobbies vencellados ao grupo e unhas relacións en grande parte canalizadas polo MySpace. Cada un na súa burbulla. A moda pasa a ser o elemento clave na identificación colectiva e a integración ou exclusión social dos adolescentes que volcan todo o seu tempo a cumplir o seu rol dentro da tribo, alleos á realidade socioecónomica do seu país.
Coido que isto é un síntoma máis da perda de senso nas sociedades occidentais, da desubicación xeralizada, dese retorno defensivo a grupúsculos-base de intermediación social que neste caso xa non son de base relixiosa ou nacional, senón estética. Perante a perda de referentes sociais nas sociedades modernas capitalistas, os rapaces pasan a identificarse con outra caste de entidades, que, todo sexa dito, nos máis dos casos son unha fonte de negocio que non fai senón retroalimentar un sistema apodrecido de seu. Que a adolescencia é unha etapa fodida non o nega ninguén, pero creo que o que está a pasar vai alén dos problemas de identidade xuvenís. E dío un robot que nunca deixará de ter 13 anos.

Menovky:

18 Comments:

Blogger besbe divagou así:

A min a verdade tanta clasificación ponme enferma porque nunca me identifiquei con ningún grupo nin a roupa e modo de vestir me preocuparon en demasía, é máis, paréceme de aparvados anque nalgún momento poida ser punto de unión.

Penso que estamos vendo, coa distancia que supón, un novo sistema de castas igual que na India onde tamén se mestura o tema económico porque non todo o mundo poderá acceder a determinadas cousas, actividades, marcas etc que te fagan pertencer a unha tribu.

E esa ansia de diferenciación, exclusividade e exclusión, faime pensar no medo, na soidade e na inseguridade que esa xente ten que ter e que fai que so se sintan seguros indo en manada...non hai personalidade propia, so sentemento de grupo o cal en certo momento pode chegar a ser perigoso.

Chámame alarmista, pasada de moda ou o que queiras, pero chega un punto en que esas cousas me asustan. Será que vou vella xa ou o sectarismo desta semana me está a afectar.

4/08/2007 5:34 AM  
Blogger Marinha de Allegue divagou así:

Concordo con Besbellinha.

Unha aperta.
:)

4/08/2007 12:26 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

a adolescencia en xeral é terrible e miotos adolescentes odiosos, pero hai cousas que actualmente son motivo da miña envexa, fundamentalmente os veráns. Os veráns da miña adolescencia eran marabillosos -e non era nin rocker, nin plastic nin nada.
Bueno, sempre fun un pouco nerd, pero daquela non se falaba de tal. Recordo unha rapaza que me dixo unha vez que era o típico "pardillo" -díxomo xa pasados os anos, penso que estaba un pouco bébeda ese día, pero sentoume ben esa sinceridade, porque dalgún xeito quería dicir que xa non o era... aínda que sempre queda algo. Non sei.

4/08/2007 12:38 PM  
Blogger FraVernero divagou así:

A Foucault e a Borges gustábanlle moitísimo as clasificacións...

É curioso, certamente, como unha das teimas fetichistas da nosa sociedade estriba no pescuda compulsiva do diferencial e da 'rebeldía'como neurose. Unha pescuda que, por suposto, quedou ben encarreirada nos terreos da estética e a moda (Ou sexa, todo aquilo da estetización da existencia que predicaban os PoMoes de Foucault en diante).
Quizaves do que se trata, facendo unha lectura Freudiá, é do retorno do reprimido: o encauce de posibles alternativas reais á estandarización (na que tódolas tendencias e subgrupos caen; irónicamente, canto máis buscan individualizarse, máis homoxéneos e repetitivos son) voltou imposíbel, e repétise ritual, obsesiva e neuróticamente.
[Cambote, non dubidaba de que foses un 'friki', anque eu teríame tomado moito peor o sinceiramento da rapaza, sobretodo pola carga soterrada que poida ter (anque referida ao pasado) de 'eras a negación do sexo', cousa que os intelectualosos teñen sufrido a miúdo (incluso diante de mulleres 'frikis') para a súa eterna frustración e galopante misoxinia].

4/08/2007 3:45 PM  
Blogger moucho branco divagou así:

Bueno, cando eu ía ao colexio e comecei no instituto só había "jevis", "punklis", "pijos" e "rapeiros"... nisto todo xa me perdo. A adolescencia é moi chunga, pero moito.

De todas maneiras sempre houbo modas fugaces que viñeron e foron, e toda clase de tribalismos de circunstancia coa súa violencia tribal (remember quadrophenia).

Non quero ser malvado, pero conste que ese tipos de gafiñas e lá que tocan folk en bares nacional-populares son unha tribo urbana proselítica moi chunga, :P

4/08/2007 6:05 PM  
Blogger Unknown divagou así:

Cada vez que vexo unha destas cousas, lembro a peli de "El señor de las moscas" e me reafirmo en que só buscamos unha tribu na que sentirnos seguros e atopar un inimigo común...
;P

4/08/2007 7:55 PM  
Blogger Ra divagou así:

Algo de miedo sí que da, sí...
Bico, Arale.

4/08/2007 10:58 PM  
Blogger Zerovacas divagou así:

¿Iso do seis de xuño non se repetirá este ano, non? Porque creo que as vou levar todas.
Que conste que no meu instituto nunca houbo moito destas cousas. Non sei se era unha cuestión xeracional (sigo pensando que os que agora temos 26 ficamos un pouco entre dúas augas, sen poder adscribirnos a xeración ningunha), ou do meu Fernando Esquío, instituto semirural, semiprofesional, e semidesnatado. Creo que só lembro un grupiño de rapeiros e pouco máis. Moi escesa identificación grupal, mesmo política ou estético-musical

4/09/2007 11:28 AM  
Blogger O pastor eléctrico divagou así:

Eu coido que "tribos urbanas"si que hai. Coma ben di o moucho, o que pasa é que nas illas británicas é máis acentuado, pero porque sempro o foi. Xa nos anos 70 había todo tipo de clasificións (xeralmente vencelladas á música que escoitaban).
Son cousas que proliferan sobre todo en periferias urbanas. Mirade un pouco ao redor vosa, sseguro que podedes identificar algunha ;)

4/09/2007 12:50 PM  
Blogger Mrs.Doyle divagou así:

Bo artigo.
Quizáis en Galicia non están tan definidas as chamadas tribus urbanas, pero existen. Eu quero crer que son estéticas que tratan de representar un "way of life" anque non estou tan segura...

Por certo, alguén me dixo que en Pontevedra cidade existe unha tribu única de alí: os "tujos".
Alguén pódeme concretar algo?

4/09/2007 3:28 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Ola! un blog realmente interesante, visitareiche con asiduidad.
Saúdos

Robert

4/09/2007 9:39 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Has dado con la palabra clave: "capitalismo". No es casualidad que Inglaterra, el país con la gente más rara del mundo, haya sido la cuna del capitalismo industrial. Estamos en la era post - industrial, pero da lo mismo, la alienación se apoderado de todo Cristo. Cada mañana, cuando me dirijo a cumplir con mis absurdos deberes universitarios, veo a un memo disfrazado de "mod" (al que he bautizado como Keith Moon, aunque no tenga pinta de haber destrozado jamás una habitación de hotel) esperando el bus y, entonces, me pregunto: ¿este tío será más feliz por llevar un corte de pelo "a lo palangana" y un parche con los colores de la RAF? ¿Tendría yo más éxito social si, qué sé yo, me pintase las uñas de negro? El otro día vi en La 2 un reportaje sobre los siniestros, y me parecieron el colmo de la superficialidad, si bien me figuro que se podría decir lo mismo de cualquier otro especimen...

4/10/2007 11:39 AM  
Blogger A rapaza do arco divagou así:

Pois si que dá medo. E o máis absurdo é que todas esas divisións están totalmente valeiras de significado se se estabelecen en función da moda, por moito que a imaxe poida dicir da nosa actitude vital (que será o que pretenden con iso) o feito de desvincularse por completo da realidade social que os rodea fai que tanto subgrupo e os enfretamentos que poidan xurdir entre eles sexa difícil de entender e asuste bastante.
De todos os xeitos, estou de acordo co que xa se apuntou de que tamén aquí, arredor nosa, existen numerosos grupusculos, aínda que de momento resulte menos conflitivo.

4/10/2007 11:43 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Besbellinha e Marinha, o triste é que segundo os valores que promove esta sociedade (como o consumismo sistemático) non tería por que sorprendernos que unha estética/estilo determinado sexa punto de unión, non máis que o sexa a crenza nun deus determinado ou nun monstro voador de espaguetis.
Coido que o afán de pertenza e identificación cuns grupos determinados é inherente ao ser humano (cando menos é unha forma de atopar "seguridade"), o problema é cando eses grupos están baleiros de contido e son unha forma máis de sectarismo irracional.
Noraboa por superar a Semana Santa :)

Cambote, terribilisima! e máis para esa ampla gama de frikis, nerds, geeks, etc. que despois conseguen dominar o mundo e amosar a utilidade dos coñecementos adquiridos na etapa de "pupa" ;)

Fra, xa non é só rebeldía como neurose senón como reclamo publicitario para todo, seica o "revolucionario" vende máis incluso cando vén sendo "máis do mesmo". Por certo, iso de que 'friki' (na súa acepción máis despectiva) se interpreta como 'ser negación do sexo' é máis que relativo ademáis de puramente coxuntural (sei dun feixe deles/as que pasaron de ser a negación absoluta do sexo a mitos eróticos xeracionais). Así que non hai tomar tan mal eses comentarios, que por outra banda non entenden de xénero posto que tamén hai mulleres que reciben 'afagos' similares sen caer na misandria (existe ese termo??).

Moucho, claro que sempre houbo modas e grupos e tendencias distintas que suplían o rol doutras entidades demasiado ortodoxas ou rancias como para que a mocidade se sentira identificada con ela (a Igrexa mesmamente), pero cando menos tiñan un pouco máis de contido e non estaban tan comercializadas e mediatizadas(ou esa e a sensación que teño eu). Segundo me contou o amigo de Gatchán xa houbo unhas cantas mortes resultando de encontronazos entre chavs e emos, é como para preocuparse...

Kefalay, certamente, o inimigo común é unha das mellores ferramentas de cohesión política e social, xa o dicía Goebbels :P

Ra, y quien le pone el cascabel al gato?

Zerovacas, espero que non aínda que eu de ti non andaría por terras británicas ese día, non fora se-lo demo. Eu tamén estudei nun instituto deses e o máis parecido a o 'odio intergrupal organizado' deuse durante un ano entre castelán e galegofalantes, curioso, non?

Pastor, eu tamén creo que hai un bo feixe delas pero se cadra distintas no que se refire á súa orixe.
A xuízo do rapazolo este non había tantas porque el non vía estéticas tan diferenciadas ou cando menos percibiu máis mestura entre grupos.

Mrs.Doyle, graciñas. Como xa comentei máis arriba, eu tamén creo que aquí non están tan definidas no que a estética se refire. Da túa dúbida, pois, de "tujos" oín falar, pero tamén de "kiotes" (la coru) e "malotes" (vigo), pero non che sabería especificar...

Robert, gracias, volve cando queiras.

Hermano Daniel, me temo que las tendencias tribales siguen abundando en la sociedad (en múltiples sectores). A mi no me molesta en absoluto que la gente opte por una estética determinada si cree que es la que mejor refleja su personalidad, de hecho me gusta observar la variedad de estilos, lo que me molesta es que haya gente que centre sus vidas en la adaptación a los parámetros establecidos por sectarismos tan vacíos como los que me describía el amigo de Gatchán.

Unha aperta a todos e graciñas pola visita :D

4/11/2007 12:32 AM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Vaia! Arqueira, comentabamos ao tempo :D
Totalmente de acordo, unha cousa é a opción dunha determinada estética por cuestións de gusto e outra caer neses sectarismos destructivos carentes de toda lóxica que aínda por riba benefician aos emporios da moda...

4/11/2007 12:40 AM  
Blogger rifenha divagou así:

Esto já che vem de velho:
A roupa, a música e as drogas, mudam com cada época, e em maior medida a partir da meirande liberdade e o também maior consumismo dos últimos trinta anos, e os raparigos e raparigas conformam um mercado que move muito capital.
Se ainda por acima tentam voltar âs rivalidades da época castreja, mas só com motivos estéticos, aí hà um mercado que move dinheiro à esgalha e tem aos moços abalboiados e entretidos .
Assim, de passo, nao criticam. E compram.
Que melhor?

4/28/2007 9:37 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Rifenha, certo que vén de vello pero segundo as reaccións que lle vexo a algúns cativos, coido que o clasismo de marcas é máis agudo agora que cando eu andaba no instituto. E o que me preocupou do caso en UK é que xa morreron rapaces en enfrontamentos entre "tribos urbanas". Así que xa non é cousa de cartos e estética, senón tamén de vidas tiradas ao lixo froito dunha tribalización baleira. Dá moita mágoa...

4/30/2007 4:00 PM  
Blogger rifenha divagou así:

Porque quando se entra de cheio na dinámica do Capitalismo-e a U.K. e os U.S.A. sao os maiores representantes- essa mesma dinámica, vai evoluindo até perder mesmo a conciéncia do valor da vida em favor da lei que rege o sistema: O homem é um lobo para o homem e a lei sagrada do mercado: Oferta-Demanda.
É natural que as cousas vaiam por onde vam, consequéncia natural da própria deshumaniçaçao do sistema, que começa polas tribos urbanas e remata polas multinacionais financieiras

4/30/2007 10:09 PM  

Zverejnenie komentára

<< Home