1.20.2007

Un androide queimado en Barcelona

Foi toda unha demostración da relatividade do tempo. Sei que pode resultar unha afirmación banal, pero a miña recente estadía en Barcelona foi un efectivo recordatorio de que non é o mesmo dispoñer dunha hora en Compostela que dunha hora na cidade condal. Non estou a dicir nada que non saibades xa, así que procedo coa miña prometida crónica "camaca". Alá vai:
Hai exactamente unha semana, Arale e unha maleta ateigada de licor café, crema de augardente e queixo do país (para sobornar a quen fixera falla) partiron cara os Països Catalans en misión especial. Obxectivo: boicotear as vidas productivas e ritmos de sono do círculo social araliano, beneficiarme na medida do posible da oferta cultural e engrosar a miña taxonomización de "fauna barceloní".
O primeiro exemplar "rexistrado" apareceu no metro, foi un cuarentón jevochillo bébedo apagando engorde un peta na súa man namentres ollaba lascivamente ao meu androidiano tórax tratando de impresionarme coa súa exhibición de masculinidade. Saín ben parada grazas á táctica "somnolencia metruna", que nunca falla. Pero se cadra o mellor descubrimento veu da man da Srta.Goncharova. Trátase dun exiliado cubano de sesenta e pico de anos, ex-contable, ex-actor porno, ex-adestrador das forzas franquistas, procurador de libros vellos, posters, cintas e todo material vendible que atope pola rúa con quen, a cambio dunha cervexa e unha bolsa de patatillas, pódense descubrir os segredos e a historia humana de Barcelona. Toda unha xoia que ademáis bota as cartas e le a fortuna cun imborrable acento cubano e sen que os seus enormes lentes logren agochar ese ollar pícaro de quen moitas fixo. Espero voltar a velo cando regrese a Barcelona, pero, se algo ten esa grande urbe, é a velocidade á que muta. Bó exemplo diso é que o meu refuxio de antano, o único bar onde podía estar ata despois das 3am sen pagar entrada e sendo mimada polo camareiro con tapas gratuitas de cuscús ou baklawa, desapareceu froito dos encontronazos coa garda urbana durante as festas de Gràcia. Tamén desapareceu a casa okupa na que se aloxaba temporalmente Juvenal, un neurocirurxán chileno, ex-guerrilleiro antipinochetista, refuxiado en Suecia, casado 25 veces e exiliado á forza por estar penado de morte pola xustiza militar chilena. Desta volta non tiven tempo de dar con el nin co cosmonauta Yuri e o comisario Burzakov. Snif.
Pero non me queixo. Houbo moitos reencontros. Mesmo fortuítos.
O máis grato de todos foi o reencontro coa figura de Agustí Centelles, o Capa catalán, nunha mostra fotográfica no Palau de la Virreina. Malia ser máis ben descoñecida, a historia de Centelles é de película. Comezou de moi noviño coa fotomontaxe e cos retratos para pasar a ser un reporteiro que recolleu coa súa Leica centos de momentos clave na historia da Catalunya de comezos de século e da Segunda República. As súas fotografías foron portada de ducias de xornais internacionais durante a Guerra Civil. Antes do estalido da mesma, Centelles foi nomeado responsable do arquivo fotográfico catalán do exército. Cando a derrota fronte aos nacionais foi inminente, apañou os negativos máis relevantes ou os que lle poderían servir aos sublevados para identificacións e posteriores represalias, meteunos nunha grande maleta e marchou para Francia via Pirineos Orientais cos seus compañeiros. Tocoulle estar hacinado un mes no infame campo de Argeles-sur-Mer onde houbo que organizar turnos de vixilancia do maletín para que non llelo roubaran. Logo foi trasladado aos barracóns do campo de Bram, perto de Carcassonne. Todo isto sen abandonar xamais a súa maleta, da que centos de vidas dependían e da que o goberno no exilio, tras moitas promesas e correspondencia, non quixo saber nada. A mostra da Virreina fai un percorrido por todas as súas obras e as súas distintas facetas como fotógrafo, tamén dentro dos campos de refuxiados. É obvio que vola recomendo.
Malia consideralo prácticamente imposible, grazas á ultravelocidade que me otorgou o Dr.Slump conseguín atopar un oco para ir á Filmoteca a ver La Grande Bouffe. O único erro que cometín foi ir sen ter comido nada dende había 8 horas, porque saín sen fame ningunha e despois cunha cervexa no corpo estaba para bailar polkas. Alén diso, qué dicir que non se dixera xa deste mítico filme, unha sátira de humor negrísimo á opulencia da sociedade occidental con catro grandes estrelas do cinema europeo e unha chea de carne de todo tipo en pantalla. Consello: non quededes para vela se logo tedes intención de ir cear, non é apta para estómagos delicados. Amantes do humor negro: ídevos rir un bó anaco.
A fin da microviaxe chegou coa preceptiva festa de despedida, na que para rematar de culturizar aos meus amigos guiris se fixo unha señora queimada na terraza dun oitavo piso do Eixample. Os trasnos e as meigas habían andar revoltos, e tamén venteaba de carallo. O caso é que en plena leitura do conxuro, un refoleo fixo que o augardente e as lapas se estenderan á miña chaqueta, pantalón e cabelo, o que non impediu que se seguira co rito e que salvo polo cheiro a queimado na testa, a noite continuara o seu curso ata que un taxista cordobés enfastiado [de min e da súa vida en xeral según descubriría logo] me espertou ás 5am para ir ao aeroporto e voltar ao gris e húmido Santiago.

Menovky:

13 Comments:

Blogger moucho branco divagou así:

Teño que confesar que un ave nocturna sedentaria coma min non pode deixar de sorprenderse polo cosmopolitismo deste androide... és un androide con moito mundo (e algún submundo tamén, polo que parece), ;)
Como xa admitín que nunca pisei Barcelona non terei rubor en volver recoñecelo, anque se fora para escoitar de primeira man historias como a do fotógrafo republicano iria voando agora mesmo, pois como ben saberás é un dos meus mais queridos temas o que pasou cando nos roubaron 40 anos de historia e nos hipotecaron o resto até hoxe.
A próxima vez lévasme núnha xaula, como Harry Potter co meu conxénere?, :)

un saúdo.

1/21/2007 2:37 AM  
Blogger rifenha divagou así:

Aleda-me ver que Barcelona ainda não perdiu as suas persoagens.
Também agradezo a quem as traz aquí, para que disfrute de novo com elas.
Mágoa não estares nos tempos de Ocaaña...

1/21/2007 9:07 AM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Ó contrario co Moucho si que estiven varias veces en Barcelona ... ou parecíame que estivera, porque lendo as túas andanzas dubido moito que sexa a mesma cidade que eu coñecín. E iso que a min non se me pode englobar dentro da subespecie de bípedes formaliños.

1/21/2007 9:41 AM  
Blogger elduende divagou así:

¿Esta vostede facendo méritos para recibir o título de Queen of the suburbia, señorita Norimaki? Porque se é asi vai por bo camiño.
Benvida de volta e alédome de ler que mantivo a súa carteira lonxe de librerías, tendas raras e outros gastos pecaminosos.

1/21/2007 12:50 PM  
Blogger Marla Singer divagou así:

Olas Aralechan! Mística anda con mocos nos bronquios ou os alveolos, bastante fodida pensando na cagada de patacas que se aproxima nas datas de exames...
Xa deixei de gotear, pero cando tuso parezo unha velliña apunto de morrer. Eu tamén me aledo (que mal soa esta puta palabra) de que che fora ben por Barna. Menuda xente interesante coñeces, xa ma presentarás algún día. De entre os ionkis que se viñan meter heroína á miña casa non había xente tan interesante, aínda que había unha pava que dicía ver ovnis e ter experiencias paranormais. Agora é propietaria dunha herboristería...
Bicos

1/21/2007 11:18 PM  
Blogger Marla Singer divagou así:

a punto, cona

1/21/2007 11:19 PM  
Blogger cambote divagou así:

Vaia vaia. Non so te trasladaches no espazo se non que acadaches en bcn un punto deses onde a gravidade fai que o tempo modifique a súa sustancia... ergo tornaches anovada vivindo máis en menos tempo, ergo a experiencia foi probeitosa.
A estratexia do soborno-lk coñecíaa, pero hai que saber levala a cabo. Eu a última vez que intentei unha desas o que conseguín foi que a miña botelliña fose incautada namais chegar á metrópole. Despois diso fun carne de museo.
:DDD

1/21/2007 11:43 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Moucho, non te enganes, o meu co das viaxes é puro vizo, e cun historial moito máis breve do que me gustaría. De seguro que desfrutarías coa mostra póstuma de Centelles, xa non só pola súa abraiante historia, senón pola calidade do seu traballo e a patente influencia do cinema nas súas fotografías. Non sei cando volverei, pero non dubides de que te avisarei para que teñas a cartilla veterinaria en orde e poderte subir ao avión ;)

rifenha, bem-vinda :) O microcosmos barceloní é abraiante malia que os seus gobernantes estean emperrados en estragalo e desprazalo. Como tí ben dis, moito cambiou dende os tempos de Ocaña...

randeeira, eu tamén estivera antes de vivir aló e tampouco tiña a mesma imaxe da cidade, supoño que é cousa do azar ir atopando estas pequenas xoias. Aposto que nas túas visitas rondabas por sitios como a Mephisto, o Relics ou o Tequila...

Sr.Duende, non teño a sorte de ser candidata a tal honor, en tal caso, o mérito todo sería da Srta.Goncharova. Por certo, vexo que as súas dotes manipuladoras seguen intactas. Presupuxo demasiado ao pensar que a miña carteira volveu sá e salva, agora hai uns 7 novos amigos rectangulares na miña estantería e uns cantos ouros menos no peto...

Mística, coida ben dese catarro que eu aínda hai menos dunha semana que me liberei da tos de can e os mocos "blandiblú" (esperemos que esta sexa a definitiva). Por alí había de todo, como xa lle dixen ao Duende, quen ten un don especial para entablar amizade con tanta personaxe é Goncharova coa axuda da súa inseparable Ráfaga :)

Cambote, non sei eu se vivín máis en menos tempo, porque o certo é que aló o tempo escorregábaseme entre metro e metro... Supoño que non souben sobornar ben, porque a crema e o lk no pasaron da segunda noite, de aí que xurdira a iniciativa da queimada como enxebre punto e final á miña visita...

1/22/2007 1:18 AM  
Blogger Zerovacas divagou así:

Que gran relato! Non te preocupes, que en Humidtown tamén hai moito tolo e personaxe, sobre todo polas noites

1/22/2007 2:26 PM  
Blogger OSIÁN divagou así:

Cos teus recursos podes percorrer o mundo sen cartos no peto eres unha enfant terrible.
La matière va de l´ordre au désordre;
l´esprit va dans son travail de son désordre à son ordre”.
Paul Valery
unha aperta

1/22/2007 8:40 PM  
Blogger Elianinha divagou así:

http://www.elpais.com/articulo/espana/tamano/pene/puede/salvarle/carcel/elpepuesp/20070123elpepunac_12/Tes

1/23/2007 7:26 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

ZeroVacas, obrigada por lembrarmo, pronto retornarei á procura de exemplares notables da fauna nocturna de Humidtown.

Brais, aínda me queda moito entrenamento antes de poder ir percorrer o mundo enteiro. Fermosa cita de Valéry, graciñas :)

Eli, porca (sin acritú, eh)

1/24/2007 6:31 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Barcelona... mmmmm... que ganas de volver... alégrome de que aproveitaras ó maximo, non esperaba menos de ti! jajaja.

Creo que a queimada debería ser patrimonio cultural, estou segura de que todo bó galego lle fixo queimadas ós guiris alá por onde pisaba...

Bicos mosa!!! a coidarse!

1/26/2007 1:09 PM  

Zverejnenie komentára

<< Home