12.26.2006

Do Barro, lacón e un feixe de porros conxelados

Todo chirimbolo ou argallada tecnolóxica posmoderna que se precie ten que amosar o seu selo de "froito da globalización mercantil", que se basea en ser resultante dunha complexa cadea de producción formada por centos de subcontratas e compoñentes obtidos de distintos puntos de toda a galaxia. Arale, como androide de factura xaponesa mundialmente coñecido, non podía ser menos.
Un ano máis tocoume facer unha viaxe á memoria xenética do 30% do meu hardware que está estarricado a cachos desiguais polo sur da provincia de Lugo. Visto que o traxecto a percorrer era longo e que xa estaba ata as mismísimas resistencias de aturar a mesma cinta de Jaume Sisa, aproveitei unha parada na gasolinera de turno para facer máis auténtica aínda a miña viaxe ao pasado facéndome cunha cinta de Andrés Do Barro. Válgame Dio!! Crin estar preparada para todo, pero non puiden evitar certa claustrofobia a partires da terceira canción e ao final, buscando o consenso rematouse o traxecto, con Los Panchos.
Malia non ter a lousa entre os meus compoñentes, houbo parada no sempre exótico Val do Mao (non vexades os líos en que me metía de anana dicindo que tiña tíos maoístas) onde seica visitei a única igrexa do mundo construida en mármore, que ten ademáis a peculiaridade de ter o campanar nunha edificación á parte e un cristo de madeira do século XII que sorrí ou entristece segundo por onde o mires. Non sei se vén moi ao caso, pero o vellote que ten as chaves da igrexa, moi vacilón el ["aquí vénche casare xente de toda España, oiches? dígocho porque como fas pinta de solteira, hehe..."], vende un mel e uns conchos fantabulosos e mesmo cando se lle esgotan, o tipo coñece todas as redes da competencia para que ninguén marche do Incio sen a pegañenta lambetada. Logo de solventar as cuestións loxísticas e acugular o auto de conchos e mel, tocou comilona no alto do Val, todos arrecheghados en torno á lareira da tía T. papando leituguiña fresca, lacón, chourizos e cachelos sen deixar de darlle ao letal viño da casa. Dous días antes tivera unha suculenta cena de empresa con verdadeiros e de seguro que costosíiiisimos manxares, pero debe de ser que o dr. Slump me programou cando tan só había MSDOS e sonche de gustos moi sinxelos...así que eu fico coa tía T., que ademáis tivo o detallazo de ir apañar uns porros á horta cando aínda había xiada, para os caldos que corresponden ao que queda de inverno e aos arrefriados que me agardan (xa perdín a conta).
Se chegastes até aquí nesta inusual (en min) crónica de Nadal pagano, merecedes un bó agasallo, pero o youtube non me deixa insertar o vídeo así que non me queda outra que deixarvos o link. Velaquí Guard Dog, a curta de animación de Plympton nominada aos oscar no 2004, moi divertida e cun argumento moi extrapolable ás mentes paranoides das altas esferas políticas. Son catro minutos e pico, paga a pena velo. Espero que vos guste ;)

12 Comments:

Blogger Bautista divagou así:

Queda pendente unha aclaración á clarísima proposición (in)decente do pseudo-sacristán. E de ser afirmativa, tampouco estaría de máis aclarar se semellante igrexa é digna dunha cerimonia protagonizada por unha rapaza made in MS-DOS. Sen entrar no Cristo que ríe/chora aseghún onde o mires... inda non foron por alí os de España Directo?? Meu Deus...

12/27/2006 2:06 AM  
Blogger cambote divagou así:

Eu coñezo un rapaz, o mozo dunha amiga, que traballa aquí: http://www.wallaceygromit.uip.es/

Na pérfida Albión, vaia. É dos que lle dan vidilla ós protas, move a plastilina e esas cousas. Penso que tamén levaron un oscar ou algo así. :)
O conto é que eu sabía dende hai anos que traballaba en Gb e que era algo de animación. E nada máis. Pero así falando a nosa amiga contounos ela haberá cousa dunha semana ou dez días que era nalgo dun can e o seu dono, como sen lle dar importancia, e atando cabos, preguntando, a outra que non sei, que se de aventuras, que se a plastilina... e de súpeto outro dos meus colegas case pon os ollos en branco. É fan.

12/27/2006 8:53 AM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Interesante excursión que acaba como ten que ser nunha boa enchenta. Por certo o viño da casa nunca pode ser letal nin para humano nin para androide.

12/27/2006 9:22 AM  
Blogger moucho branco divagou así:

Quen lle ía dicer ao bó de Ronnie James que aparecería ao lado de Andrés Dobarro (ou viceversa), hehehe

12/27/2006 1:02 PM  
Blogger elduende divagou así:

¡O Incio! Iso é ó lado de Samos ¿non?
Por alí pasei para ‘facer exteriores’ cando aínda tiña pensado traballar na rama audiovisual do xornalismo. De feito, esa igrexa de mármore soame moito, aínda que non parei a confraterizar cos nativos. Polo que contas, foi unha mágoa.

12/27/2006 1:07 PM  
Blogger Marinha de Allegue divagou así:

Teño saudade, saudade teño de ti, teño saudade de ti meu ben...
A banda sonora total e a excursión parece que tampouco tivo desperdicio.
A disfrutar!!!

Unha aperta grande.
:)

12/27/2006 3:04 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Bautista, a verdade é que a visita á igrexa merece un post por si só, sobre todo as arroutas diglósicas do vellote para explicar as peculiaridades arquitectónicas e decorativas. Pero, malia a súa simpatía, o vellote quedou como estaba. Chámame superficial, pero cando pasan dos 70 como que non activan os meus circuitos :P

Cambote, a de xenios que temos por ahí sen sabelo. Anschki, que está na lista de vencellos estivo até agora traballando para o Plympton en NY, e non quero nin pensar as xoias que fará cando traballe pola súa conta.

Randeeira, pilláchesme, o letal foron as cantidades inxeridas e non o viño en sí que é do mellorciño que che hai para semellante comilona.

Moucho, éche o que ten que un androide se expoña a estilos musicais tan distintos, ás veces falla algunha resistencia e pasan cousas como que Andresito e Ronnie se fan compañeiros de liña...quen sabe se non se tiveran levado ben de terse coñecido...

Mr.Osborne, efectivigüonder, preto de Samos, arrodeado de paraxes idílicas e cun pelete de campionato. Como ousou prescindir dos nativos na súa inmersión por esas terras? E, peor aínda, audiovisual?? :P

Marinha, vexote moi posta en cultura dobarrista, eu confeso que aínda non estou preparada para unha sesión íntegra ^^U Os meus nadais son sempre así de ruta por toda a memoria xenética...

Apertas a todos e se non actualizo antes Feliz Aninovo ;)

12/27/2006 9:53 PM  
Blogger Zerovacas divagou así:

"Val do Mao", nunca escoitara tal. Estas road movies de nadal dan para moito

12/28/2006 9:00 AM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Frost! Interesante este último post. Me alegra saber que al menos tú estás disfrutando de estas bien merecidas vacaciones. Yo sigo recluido en mi torre, esperando a que des señales de vida y me alegres el día. Tendré que tomar la iniciativa GRRR
Pese a que tu hardware está obsoleto, no te resignas, y mantienes tu software al día.¡Como tiene que ser!...
Me encantan las animaciones de Plympton ;)

Un abrazo

12/28/2006 4:59 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Ola
Non sei onde foi a túa cena, pero os de Localia e Cadena Ser fumos ó teu traballo. Unha merda a verdade, tanto a comida coma os dj's...eu ´quédome coa tortilla de miña naiciña querida

12/28/2006 9:16 PM  
Blogger O pastor eléctrico divagou así:

Que boa a curta do can! Nunca reparara nos perigos que corremos nun parque. A próxima vez andarei con ollo.

12/29/2006 12:16 AM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

zerovacas, a que mola? E non vexas como impacta escoitar iso de ir lavar as leitughas canda o Mao. A verdade non sei de onde lle vén o nome ao río...

iceman, vacaqué? yo? ocio? recibirás cien latigazos por semejante improperio! Trabaja duramente en tu encierro astur y tal vez te recompense cuando menos lo esperes, ñij ñij

ajobiada, sospecho que mi cena fue en el mismo lugar que la tuya, pero como éramos "los de casa" creo que se lo curraron un poquito más, de todos modos los camareros ya recibieron mis quejas por no tener un licor café decente y lo de la música creo que no tiene solución.

pastor, benvido por estes lares, alégrome de que che gustara a curta. Xa sabes, tí e máis Lía a tratar ben as vosas ovellas non vaiades rematar como o can da curta ;)

12/30/2006 1:38 PM  

Zverejnenie komentára

<< Home