Andaba perdida no medio dun dos moitos espazos oníricos dos que nunca saberei se os vivín en vixilia ou se son froito exclusivo dos meus circuitos-rem. Coido que nun edificio gris e impersoal, como tantos. Nada novo. Demasiado cansa como pra ser agasallada cun
soño lúcido pero abondo consciente do percal etéreo. De súpeto, oio ás miñas cóstas, cun xenuíno acento ianki...
-
Esquius mi, llong leidi, cud llu jelp mi güiz dis peipers?Un sorrinte e ben conservado Reagan agardaba por min no limiar dunha porta calquera fitando ao meu punto de fuga. Deume a risa. Dende cando lle permite Morfeo a entrada a eses especímenes? Crucei a porta. Non tiña nada que perder. Ciscados e mesturados por todo o chan amoreábanse centos de papeis: recortes sobre a detención de
Bastida canda cartas de Endesa ao teóricamente defunto Reagansito, informes do Consello de Seguridade da ONU, estudos da CIA, plans do Departamento de Exteriores e entre folla e folla aparecían tamén folios soltos cos guións de George Lucas impresos a tamaño 16, e mesmo algunha foto da Princesa Leia en poses pouco ortodoxas.
Máis por curiosidade que por piedade, púxenme a axudalo namentres poñía en "on" as miñas superlentes transmetropolitanas para deixalo todo ben gravado. Pouco durei. Por se non abondara cun famoso onírico, tivo que facer Bieito XVI a súa estelar aparición. Crucifixo nunha man,
Escritos sobre moralidade e eticidade na outra e veleno na boca. Abrazou a Reagan e xuntos inhalaron un pouco de helio. Xusto despois, coa cara desencaixada e voz de pito berroume algún conxuro bávaro en latín namentres abaneaba o crucifixo. De aí pasei xa a un segundo soño, perseguida por un feixe de viúvas con peineta no medio dunha telenovela mexicana. Pero ése deixoo para outro día.
Dous días despois, xa recuperada do shock e sen intermediación de Morfeos nen simuladores de ningún tipo, vínme no Bar Tolo, SexPistols de fondo, tomando unha caña cun grandioso cura africano que confesou gorentar da súa incursión no garito. Non sabería dicir que me resultou máis surrealista. Doutor, que me está a pasar?