5.17.2007

Conguitos e xadrez global (BCN I)

Queres saber que se sinte representando a un país altamente endebedado (HIPC) no Consello de Seguridade? Por que o G-8 se pasou polo forro escrotal as advertencias de Kofi Annan? Como é posible tardar meses en aprobar unha resolución? E porque despois non se implementa? O CMUN (Catalonia Model of the United Nations) non che dará todas as respostas, pero non é mal sitio para comezar. E como non é habitual que me conviden a xogar partidas de xadrez global con máis de 300 persoas, Araliña aceptou compracida e marchou cara Barcelona coa súa delegación a representar á República do Congo, cariñosamente coñecido como Congo pequeno, ou Conguito.
Conguito é un país apaixoante. Como a meirande parte de estados africanos é rico, moi rico en recursos naturais e porén é un país altamente endebedado que aínda se está a recuperar dunha longa guerra civil. Xa só a variedade de milicias (Ninjas, Coyotes, Cobras...) que se crearon en torno aos líderes políticos dá para unha saga de aventuras. E iso sen contar cos mercenarios ruandeses ou os milicianos de Angola e do Congo grande que se filtran continuamente a través da súa porosa fronteira e fan das súas. Para darlle máis xugo ao noso papel, resulta que o presidente, Nguesso, é un marxista-leninista que no seu discurso de investidura (logo da guerra) deu unha cálida benvida ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial. A guinda: en Conguito hai petróleo e Francia, Italia e Estados Unidos son os nosos principais "amigüitos" (léase inversores/expoliadores).
Con todos estes ingredientes como aperitivo, Arale e Mr. Ollo de Lobo tiñan a misión de representar a Conguito no Consello de Seguridade na rolda de negociacións sobre a situación en Oriente Medio. Como intuiredes, adiviñar a postura de Conguito sobre Líbano, Palestina e Irán cun presidente tan coherente como Nguesso e unha situación económica tan boyante e independente de potencias estranxeiras foi complicado. Optamos pola retórica de País Non Aliñado e , facendo un pouco de trampas (non tería sentido ir até aló só pra lamberlle o cú as potencias occidentais), seguir esa liña de actuación ata que Francia ou EUA ou Italia nos tiraran das orellas ou nos ameazaran coa retirada de axudas. A xogada saíunos relativamente ben porque os delegados deses países descoñecían o poder real que tiñan sobre nós. Por raro que pareza, a defensa máis activa da lexitimidade do goberno de Hamás e as críticas a Israel proviu da fronte que creamos Sudáfrica, Indonesia, Perú, Ghana e Conguito, namentres Qatar estaba na póla, Panamá non se mollaba e os europeos canda China e Rusia andaban preparando a súa propia resolución que despois fusionarían coa nosa atribuíndose o mérito, afeitos como están a explotar aos subdesenvolvidos. Unha vez redactadas as propostas chegaron as longas sesións de negociación. Punto por punto. Palabra por palabra (2 horas de discusión porque EUA non quería unha Folla de Ruta "updated" senón simplesmente "rescheduled"). Votando sobre a enmenda á enmenda da enmenda á terceira cláusula operativa no apartado z. Por momentos sentíase o espíritu de Groucho Marx na sala ríndose de nós. Mais finalmente, ata o carallo de mocións, enmendas, cláusulas e presións "informais" o Consello de Seguridade sui generis conseguiu parir isto e aprobalo por unanimidade. Todos fixemos concesións. Así e todo, os dous delegados de Conguito ficamos relativamente contentos por contribuir canda os demais colegas africanos a que as críticas ao goberno de Israel se explicitaran en claúsulas operativas e non só nos preámbulos. Amáis, á caladiña, os puntos 7 e 8 abren a porta ao desenvolvemento dun mecanismo de control que obrigue tanto a Palestina como a Israel a cumprir cos acordos (e non só a unha parte como até o de agora).
Malia o agotador das reunións, nesta caste de "xogo de rol masivo" todos marchamos convencidos do enriquecedores e apaixoantes que son os debates. Iso non quita que os conguitos estiveramos moi tentados de tomar o Consello de Seguridade en plan Tejero e suprimir o dereito de veto dos membros permanentes. Outra vez será :P

Menovky:

12 Comments:

Blogger Bautista divagou así:

Non sei se no teu Congo, pero na antiga Zaire e hoxe RD Congo, pasou isto...

«Cuando los belgas abandonaron el Congo en 1960, tras décadas de explotación, tan sólo dejaron 30 licenciados universitarios congoleños para cubrir 4.000 puestos de responsabilidad en la Administración»

(Tony Judt. Una historia de Europa desde 1945)

Celebro a súa volta Arale. Agardo que volvese cos circuitos renovados.

5/19/2007 10:52 PM  
Blogger begira... divagou así:

non sabía nada disto, arale, os teus posts son sempre tan enriquecedores!
tivo que ser apasionante, aínda que comprendo moi ben que ficaras tentada de lanzarte ao colo dun par de membros permantentes. teño unha curiosidade: os países estaban xeralmente representados por xente do país mesmo o, como no voso caso, por outra xente?

por outra parte, ten que ser moi difícil, como dís, representar un país de xeito coherente coa súa realidade e coa postura dos seus políticos actuais cando ti sabes perfectamente que non é o modo máis benficioso para os seus intereses... parabéns pola resolución, conguito!

5/20/2007 11:27 AM  
Anonymous Anonymný divagou así:

Gracias por entrar no blog ;) Proximamente as 10 preguntas que se lle deberían facer a un tío que acabas de coñecer (para non perder o tempo en coñecelo se non paga a pene, hehe)
Un saúdo!

5/20/2007 5:20 PM  
Blogger Zerovacas divagou así:

Congo ceibe, poder popular!

5/21/2007 2:22 PM  
Blogger elduende divagou así:

Mmm... dende logo, ten boa pinta iso de xogar á ONU ¿Hay que ser cooperante para que te inviten? Porque se me están a ocorrer un par de ideas...

5/21/2007 2:26 PM  
Blogger FraVernero divagou así:

Está ben, maniconga.
Os belgas foron maiores explotadores do seu Congo (léase 'El fantasma del rey Leopoldo), o que non quer dicir que os franceses, co gallo-excusa da loita contra a escravitude, non fixeran desfeitas no seu, máis pequeno e menos coñecido. Paralelismo malevo de cidades: Leopoldville no Belga, Brazzaville no Francés (Brazza foi o explorador/explotador, coma Cecil Rhodes en Rhodesia...).
Se non me equivoco, este Congo foi gobernado por marxistas moito tempo, polo que o actual accidente liberal marxista-leninista terá que ver coas reconversións (algo semellante en Angola, Arxelia, Mozambique e Etiopía, logo). Bonita partida, anque nun órgao tan pouco funcional como é a ONU sexa imposíbel darlle xaque mate ao imperialismo Yankee-Israelí.

5/21/2007 4:04 PM  
Blogger Ra divagou así:

Arale, a mí usted me parecería la Alta Representante perfecta de casi cualquier cometido y República. Aúpa.

5/21/2007 10:17 PM  
Blogger franetico divagou así:

dime que sacudiste la mesa con tus patucos mecánicos, Arale Mía!! dame ese gustaso,

5/23/2007 2:01 AM  
Blogger A Raíña Vermella divagou así:

A cousa debe de ser do mais interesante, sobre todo nesa situación, representando a un país "en vías de desenvolvemento" (deberían chamarlle "países aos que non lles deixamos desenvolverse") e coa posibilidade de cambiar o mundo, aínda que so sexa virtualmente. Arriba Conguito!

5/23/2007 11:18 AM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Bautista, home, non sei como andarían de funcionarios en Conguito pero considerando a proximidade territorial é moi probable que compartiran esa caste de problemas.
Graciñas :) Os circuitos non están todo o renovados que me gustaría pero non hai queixa.

Begira, que se me suben as cores! Graciñas "comisaria" Begira ;)
Os países estaban representados sempre por xente allea a eles. No caso do Consello de Seguridad do CMUN Estados Unidos, Eslovaquia, Italia, Qatar, Francia e Bélxica estaban representados por cataláns. Rusia por belgas valonas, China e Reino Unido por turcos de Ankara, Perú por Portugal, Panamá por un sueco e un aragonés, Sudáfrica por unha estadounidense e unha catalana, Ghana por un arxentino e unha belga flamenca, Indonesia por estonas e Conguito por un androide mestizo e un italiano. Houbo para tódolos gustos.

Vingadora, o mesmo digo :) Agardarei con intriga esa nova entrega de tests-modelo.

Zerovacas, ahí ahí! vés, faltounos a comisión de danzarines na recepción, á próxima fago unha blogoconvocatoria con betún para todos.

Sr.Osborn, en absoluto, é máis, teñen preferencias os de titulacións como políticas, dereito ou económicas. Invitan ás universidades q xa participaron antes, pero creo que se pode solicitar a participación directamente á oficina do ANUE (a taxa de inscripción deste ano foron 60€). Á parte, había voluntarios de prensa cubrindo cada unha das salas (e coxunturalmente convertíndose en países que faltaban), seica eles se pagaban o billete e tiñan todo o demáis gratis. Encantaríame estar presente cando vostede implementara os seus maliciosos plans, así que avise se vai.

Fravernero, iso de maniconga soa ben :P O actual presidente Sassou-Nguesso xa gobernara na primeira época marxista, coido que dende os 80's, pero coa transición a un sistema multipartito nos 90, perdeu as eleccións e gañou Lissouba. Cando rematou a primeira lexislatura houbo un aumento de tensións e os enfrontamentos entre os grupos armados de Nguesso (Cobras), Lissouba (Cocoyes, Mambas) e do ex-primeiro ministro Kolelas (Ninjas) derivaron nunha guerra civil na que as petroleiras Elf e Agip andaban polo medio e na que Angola interviu a favor de Nguesso. Convocou eleccións no 2002 e non permitiu que Lissouba e Kolelas se presentaran, así que co 90% dos votos se proclamou presidente lexítimo e instaurou unha nova constitución presidencialista. É neste momento onde, sen renegar da dialéctica marxista-leninista, dá unha calurosa benvida ás institucións financeiras internacionais. Cousas da diplomacia supoño, pero vamos, que non deixa de encaixar no prototipo de gobernante corrupto africano, desgraciadamente. Por certo, encantoume o teu último post, a ver se teño tempo de tomarlle un vaso de augardente por trasalba ;)

Ra, hala, hala, no se equivoque usted querida Ra, si me tengo que resetear cada dos por tres!!

Franético, qué menos! sacudí la mesa con mis patucos, acorralé delegados esquivos con mi cañón de sandías y con mi ataque "Nchá" dejé K.O. a medio Consejo (previamente aturdidos por un fatídico bocadillo de queso con mostaza).

Raíña, interesante foi abondo, pero tamén resultaba moi frustrante ver como a propia composición do consello de seguridade imposibilita aprobar cousas coas que o 80% está de acordo. Maldito veto!!

Obrigada a todos pola visita, en breve, cando teña azos e tempo abondo, a segunda entrega das aventuras aralianas por Barcelona ;)

5/24/2007 10:32 AM  
Blogger Mrs.Doyle divagou así:

Eu coñezo belgas que viven (moi ben)no Congo a día de hoxe...e é moi curioso o seu punto de vista...

5/25/2007 10:51 AM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Mrs.Doyle, pois achéguenolo! Cantas máis perspectivas mellor!! Se ten tempo agradeceríalle moito que nos contara un bocadiño máis ;)
Unha aperta

5/25/2007 4:07 PM  

Zverejnenie komentára

<< Home