2.19.2007

Funcionarios do horror

Ter un idioma tan enrevesado non é un motivo suficiente para odiar aos alemáns (e austríacos por suposto) e esquecer que a longa noite negra do pobo xudeu construíuse coa complicidade de cidadáns de toda Europa. Por non mencionar os campos de concentración de xaponeses en Estados Unidos... Francia resultou ser un niño de colaboradores cos Nazis e acaba de morrer un dos máis famosos.

Maurice Papon asistiu aos ocupantes de Francia na súa caza de xudeus e díxolle moitas veces Ja ao propio Führer. O máis desconcertante sexa quizais o motivo. Segundo este funcionario, digno do Cefou de Galpón de Breogán, fíxoo todo porque “era o meu traballo como servo do estado”. Tamén foi mala sorte que para unha vez que hai un funcionario traballador escolla unha actividade tan deplorable.

Para facer a historia máis sinxela se cabe, Papon, mal nome por certo, foi un activo membro da resistencia gala e incluso agochou activistas xudeus na súa humilde morada. Unha escura páxina na historia dos nosos veciños xa que ata o presidente socialista Mitterrand estivo vencellado aos Nazis.

¿A historia xulgará a Papon coma un émulo de Hitler ou coma un funcionario gris que en vez de selar permisos para instalar fábricas de polos decidía cantas familias ían ser deportadas ese día a Auschwitz? O tempo dirao. Un androide coma min, fabricado en serie con pezas intercambiables, sabe que non hai moita diferenza entre individuos. Eses homes e mulleres grises interpretaron papeis que a vida por casualidade non nos repartiu a nós. Desculpar as súas circunstancias é un exercicio de misericordia persoal. Sen embargo louvar aos valentes, tantas veces no ostracismo, que foron contracorrente nas circunstancias máis adversas resulta unha obriga dos que desfrutamos da liberdade grazas ao seu sacrificio.

Menovky:

15 Comments:

Blogger O Nadador divagou así:

Gran caricatura. Este tema non debía caer no esquecemento.

2/19/2007 1:53 PM  
Blogger O pastor eléctrico divagou así:

É un feito moi preocupante a cantidade de colaboradores e executores nazis que aínda seguen por ahí adiante. Seica no sur do estado español hai varios membros das SS vivindo retirados como tantos outros alemáns. É de vergoña.

2/19/2007 3:41 PM  
Blogger Xosé Manuel Carreira divagou así:

A verdade é que os franceses puxeron moi moi moi pouca resistencia á invasión nazi e o colaboracionismo foi regra habitual. Iso si, algúns pasáronse mesmo coa colaboración.

A verdade é que nesta parte da historia contemporánea os gabachos non quedaron precisamente como valentes.

2/19/2007 6:23 PM  
Blogger rifenha divagou así:

Muito boa a frase final.
Parabens.

2/19/2007 8:58 PM  
Blogger queenmob divagou así:

aidaaaa...greetings from me! I hope youre fine. I hope the day will come where you will return to mighty Austria :-)
sometimes I wish I really could understand your blog
;-)
am

2/20/2007 10:45 AM  
Blogger FraVernero divagou así:

A realidade é fogar de complexidades e paradoxos... Outro modelo de funcionario que cumpre ordes, por riba de calquer moralidade, é o famoso Eichmann, retratado no libriño de Hannah Arendt 'Eichmann en Xerusalén', espello tamén da banalidade do mal nun gris funcionario eficiente...
No caso peculiar francés, hai que ter en conta cómo a derrota militar permitiu o ascenso activo da dereita reaccionaria que viña azoutando á república dende anos atrás... Unha dereita con tradicións antisemitas de seu, que agrupou arredor do Mariscal Petain e o seu Estado Francés. Non foi mero asunto de colaboracionismo. Despois, claro, escríbese a teodicea na que todo o mundo estivo na Resistencia (case exclusiva do Partido Comunista, que tamén lle sacou tallada a este feito) e o mito gaullista da unidade-contra-o-inimigo...
Pero as sombras axexan no patio de Europa, e non nos deixan durmir tranquilos.

2/20/2007 11:09 AM  
Blogger Marla Singer divagou así:

Ola! Xa teño o teu regaliño, pero habémonos de ver pronto, porque Denís igual non resiste...
Non é a edición que quería, pero é menos arriscado...
Xa o verás cando haxa papatoria...
un bico!

2/20/2007 11:50 AM  
Blogger A pirámide divagou así:

Estupendo artigo. Respecto á colaboración cos nazis na Franza, houbo colboracionaistas en calquera nivel social. Hai un libro moi interesante de Herbert Lotmman "La Rive Gauche", onde fala moi polo miúdo dos intelectuais franceses que se uniron aos nazis e outros que optaron pola calada.
Na Pirámide seguimos a opinar que o funcionariado segue a ser un reflexo da sociedade que o mantén (que nos mantén) e iso non vai cambiar por moito principio de capacidade, obxectividade e eficiacia que se nos supoña.
Parece que o Papón si que se soubo os principios administrativos pero esqueceu os principios, sen máis.

2/20/2007 1:56 PM  
Blogger Arale Norimaki divagou así:

Nadador, leva razón, máis seica hai unha tendencia xeralizada, cando menos nos rexímenes europeos a "correr un tupido velo" e tratar de remexer o menos posible nese pasado. O clásico hábito de varrer a merda baixo a alfombra.

Pastor, no sur español e na meirande parte da costa mediterránea atópanse grandes xoias da criminalidade mundial. A cuestión do nazismo en Alemaña é aínda moi delicada, por non falar de países como Austria onde un abraiante volume das familias foron colaboradoras ou simpatizantes.

Mendinho, o certo é que as condicións da Francia eran, como indica Fravernero, bastante peculiares. Como valentes non quedarían, mais apañáronse para quedar cun asento permanente no consello de seguridade e a súa tallada para expoliar a industria alemana...

Rifenha, obrigada mais é inmerecido :)

Anschki! That day will come when I have enough money... Concerning the post, it's a pity that it isn't in English cos your point of view could be very interesting (as Austrian, geek and person that dares to speak about politics ;))

Fravernero, e cantas sombras!!
Os dilemas relativos á figura do funcionario ou do "subalterno obediente" son ben interesantes e coido que bastante frecuentes na literatura teutona ou mesmo en filmes como Amen de Costa-Gavras ou nunha versión se cadra máis crúa no gran documental Queridísimos Verdugos de Patino.

Mística, qué intriga! a ver se é certo e argallamos unha para esta semana ou a que vén.

Pirámide, grazas pola recomendación literaria :) O certo é unha mágoa que non proliferen funcionarios tan dilixentes como Papon para solventar os problemas urxentes da sociedade que administran. Seica non se pode ter todo nesta vida...

2/20/2007 10:56 PM  
Anonymous Anonymný divagou así:

42... sempre e quando a pregunta fundamental sobre a vida, o universo e todo o demais seja 7x6 ou 6x7!

2/21/2007 12:33 AM  
Blogger moucho branco divagou así:

bueno, non hai que pensar mal, igual non sabía que Hitler era nazi...

2/21/2007 3:49 AM  
Blogger rifenha divagou así:

"Un androide coma min, fabricado en serie con pezas intercambiables, sabe que non hai moita diferenza entre individuos. Eses homes e mulleres grises interpretaron papeis que a vida por casualidade non nos repartiu a nós. Desculpar as súas circunstancias é un exercicio de misericordia persoal. Sen embargo louvar aos valentes, tantas veces no ostracismo, que foron contracorrente nas circunstancias máis adversas resulta unha obriga dos que desfrutamos da liberdade grazas ao seu sacrificio".

Esta frase é umha mostra de inteligéncia e lucidez pouco comúns, mália você não queira reconhecer.
É minha opinião apenas.

2/21/2007 1:14 PM  
Blogger A rapaza do arco divagou así:

É certo que resulta moi doado falar cando non se estivo nesa situación crítica pero, sen intención de atacar ao pobo alemán, creo que o problema está na neglixencia coa que afrontamos as nosas vidas. Os erros non se cometen só por accións equivocadas senón polo deixarse ir e aceptar papeis grises. Pero en fin, supoño que tes razón,e nosoutros tampouco podemos falar moito,xa que até hai nada tivemos por presidente, nunha suposta democracia, a un grande colaborador doutro réxime fascista europeo.

2/22/2007 7:36 PM  
Blogger Bautista divagou así:

Xa que falas de funcionarios escuros, venme á mente «A vida dos outros» (supoño que xa a veriades todos, eu fun tardón, pero moi recomendable para que non a viu)
Falo dela non só polo papel do tipo da Stasi, senón máis ben pola proporción de cidadáns anónimos dispostos a colaborar -e que colaboraron, de feito- coa maquinaria do Gran Irmán da RDA.
Falaban de maridos, de mulleres, de adorables veciños... Non lembro a proporción, pero creo que era 1 de cada 40 habitantes. E todo iso a finais dos oitenta...aínda que pareza que foi no neolítico.
Por certo Arale, fantástica reflexión.

2/25/2007 1:47 AM  
Blogger Unknown divagou así:

A Historia ten moitas páxinas escuras na que os países que máis se gaban das súas democracias tamén teñen longos parágrafos. Supoño que, como xa dixeron noutros post, non se pode xulgar dende o cómodo presente unha situación como aquela, sobre todo alguén que nunca vivíu nada semellante...
En fin, é un deses temas complicados e espiñentos. E por outra parte, non sei como sempre España remata convertida no refuxio de tódalas malas pécoras do mundo...
Arale, felicidades por un artigo con moito siso!

2/25/2007 8:34 PM  

Zverejnenie komentára

<< Home