Queres saber que se sinte representando a un país altamente endebedado (
HIPC) no Consello de Seguridade? Por que o G-8 se pasou polo forro escrotal as advertencias de Kofi Annan? Como é posible tardar meses en aprobar unha resolución? E porque despois non se implementa? O
CMUN (Catalonia Model of the United Nations) non che dará todas as respostas, pero non é mal sitio
para comezar. E como non é habitual que me conviden a xogar partidas de
xadrez global con máis de 300 persoas, Araliña aceptou compracida e marchou cara Barcelona coa súa delegación a representar á República do Congo, cariñosamente coñecido como
Congo pequeno, ou
Conguito.
Conguito é un país apaixoante. Como a meirande parte de estados africanos é rico, moi rico en recursos naturais e porén é un país altamente endebedado que aínda se está a recuperar dunha longa guerra civil. Xa só a variedade de milicias (
Ninjas, Coyotes, Cobras...) que se crearon en torno aos líderes políticos dá para unha saga de aventuras. E iso sen contar cos mercenarios ruandeses ou os milicianos de Angola e do
Congo grande que se filtran continuamente a través da súa porosa fronteira e fan das súas. Para darlle máis xugo ao noso papel, resulta que o presidente, Nguesso, é un marxista-leninista que no seu discurso de investidura (logo da guerra) deu unha cálida benvida ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial. A guinda: en Conguito hai petróleo e Francia, Italia e Estados Unidos son os nosos principais "amigüitos" (léase inversores/expoliadores).
Con todos estes ingredientes como aperitivo, Arale e Mr. Ollo de Lobo tiñan a misión de representar a
Conguito no Consello de Seguridade
na rolda de negociacións sobre a situación en Oriente Medio. Como intuiredes, adiviñar a postura de
Conguito sobre Líbano, Palestina e Irán cun presidente tan coherente como Nguesso e unha situación económica tan boyante e independente de potencias estranxeiras foi complicado. Optamos pola retórica de País Non Aliñado e , facendo un pouco de trampas (non tería sentido ir até aló só pra lamberlle o cú as potencias occidentais), seguir esa liña de actuación ata que Francia ou EUA ou Italia nos tiraran das orellas ou nos ameazaran coa retirada de axudas. A xogada saíunos relativamente ben porque os delegados deses países descoñecían o poder real que tiñan sobre nós. Por raro que pareza, a defensa máis activa da lexitimidade do goberno de Hamás e as críticas a Israel proviu da fronte que creamos Sudáfrica, Indonesia, Perú, Ghana e
Conguito, namentres Qatar estaba na póla, Panamá non se mollaba e os europeos canda China e Rusia andaban preparando a súa propia resolución que despois fusionarían coa nosa atribuíndose o mérito, afeitos como están a explotar aos subdesenvolvidos. Unha vez redactadas as propostas chegaron as longas sesións de negociación. Punto por punto. Palabra por palabra (2 horas de discusión porque EUA non quería unha Folla de Ruta "updated" senón simplesmente
"rescheduled"). Votando sobre a enmenda á enmenda da enmenda á terceira cláusula operativa no apartado z. Por momentos sentíase o espíritu de Groucho Marx na sala ríndose de nós. Mais finalmente, ata o carallo de mocións, enmendas, cláusulas e presións "informais" o Consello de Seguridade
sui generis conseguiu parir
isto e aprobalo por unanimidade. Todos fixemos concesións. Así e todo, os dous delegados de
Conguito ficamos relativamente contentos por contribuir canda os demais colegas africanos a que as críticas ao goberno de Israel se explicitaran en claúsulas operativas e non só nos preámbulos. Amáis, á caladiña, os puntos 7 e 8 abren a porta ao desenvolvemento dun mecanismo de control que obrigue tanto a Palestina como a Israel a cumprir cos acordos (e non só a unha parte como até o de agora).
Malia o agotador das reunións, nesta caste de "xogo de rol masivo" todos marchamos convencidos do enriquecedores e apaixoantes que son os debates. Iso non quita que os
conguitos estiveramos moi tentados de tomar o Consello de Seguridade en plan Tejero e suprimir o dereito de veto dos membros permanentes. Outra vez será :P