12.08.2007

Mem-hitos musicais

Hai xa dias que mr. Ak-77 me pasou o recado de enumerar dez albumes miticos. Penso que xamais seria eu quen de facer tal cousa, asi, con un algo tan asertivo, pero, nun vil emulo ao seu meme mencionarei alguns albumes que foron relevantes no seu tempo (por A ou por B) pra este androide, a ver se cola. Non se me esquece que tenho pendente o meme das oito cousas, pero ese coido que o soltarei no Chirimbowling, antes de re-chimpar a Poza Atlantica.

1- Queen: Greatest Hits
Creo que lle gastara tanto a cassette ao irman de Sembei que rematara mercandolle o CD anos despois en agradecemento por eses verans de infancia nos que podia ignorar a Xuxa e afundirme no mundo paralelo da sua discoteca, como unha arqueologa en miniatura...

2- Mozart: Die Zauberfloete
A minha relacion coa opera foi de odio acerrimo durante moitos anos por cuestions que non procede explicar agora. A unica obra que se escapaba e que mesmo me sorprendia escoitando voluntariamente era A frauta maxica, se cadra pola historia; realmente non sei por que, pero rematei collendolle carinho especial ao pobrinho Papageno.

3- Metallica (y VVAA): Garage Inc.
Non e por quitarlles merito aos albumes 100% Metallica (alguns dos cales non tenhen moito aquel, pra que enganharse), pero coido que este disco de versions e o que mais lles mallei durante a adolescencia, cecais nunha loxica do dous por un: Metallica+ Black Sabbath, Diamond Head, The Misfits, Thin Lizzy...

4- Extremoduro: Rock Transgresivo
Himno xeracional suponho. Para min foi unha fermosa descuberta puberculosa e as suas cancions froito de moitas risas e anecdotas.

5- VVAA: The best of Jazz/Blues/Swing...
Non tenho nin idea do titulo orixinal, nin tan sequera atino a lembrar que temas o componhian ou o aspecto da caratula, pero si que lembro ese vello CD-caixa como a chave a un novo universo. Gershwin e Armstrong foron os primeiros, logo vinheron Peterson, Reinhardt, Bessie, Lady Day, Ella, Parker, Davis, C. Baker, Simone...


6- Apocalyptica: Inquisition Symphony
As suas versions de Metallica abriranme o apetito, pero certamente foi o Inquisition o que me engaiolou durante moito tempo e me reconciliou definitivamente coa musica clasica.


7- Tool: Lateralus//NIN: Downward Spiral
Sei que isto e un pouco trampulleiro, pero e que na minha historia estes dous discos son parella. Descubrinos ao tempo, en Nova Iorque, no 2001. Nunca escoitara nada semellante, gorentei da sua experimentacion e do artwork nesa simbiose estetico-musical que acotio vai aparellada as duas bandas.

8- The Clash: London Calling
Simplemente cojonudo. Nunca canso de escoitalo. E a minha armazon e literalmente incapaz de estarse quietinha cando sona calquera dos temas.


9- Brahms/Chopin/Franck: Cello Sonatas
Interpretadas por du Pre e Barenboim. Por moito que o intente, dubido que vaia atopar verbas que atinen coas sensacions que abrollan cando invoco esas melodias no reproductor da CPU.

10- Tom Waits: Rain Dogs.
E como unha novela. Unha viaxe a ningures. Un feixe de sons inidentificables entretecidos con toda caste de instrumentos e, como non, alinhados coa voz do gran canalla.

Quedan unha morea no caixon, se cadra recorosos pola traizon da minha memoria actual... anque prefiro partir da asuncion de que calquera lista esta condenada a ser incompleta. A linealidade eche unha carallada. Agardo que, ao pasar a pelota, outros saquen magdalenas musicais que engadan novos sabores a estas orxias blogomusicais.
Asi que a pelota vai para tres vellos conhecidos: Sr. Osborn, Elianinha e Ailandra (a ver se asi actualiza) e para un recuncho fresquinho, o do meu querido Gatchan que saiu do seu enesimo ovo reconvertido no Baron Rampante.

Menovky: ,

5.16.2007

Chirimbolos à la Proustiana

Tarde, mal e a rastro retorna Arale logo dunhas semanas esgotadoras pero moi ricas en anécdotas das que xa darei conta nos vindeiros posts. Hoxe deixareime seducir pola madalena xigántica que anda a roldar pola blogosfera dende hai días e á que doutores, pastores e noúmenos amablemente me convidaron.

  1. O principal rasgo do meu carácter? A curiosidade (sá) e os erros de programación.
  2. A calidade que prefiro nun home/nunha muller? A naturalidade e o sentido do humor (o común tamén é de agradecer).
  3. A calidade que desexo nunha muller/nun home? Naturalidade, sentido do humor, intelixencia... (coñecementos de electrónica valoraranse positivamente)
  4. O que máis aprecio nos meus amigos? Que me aturen e a súa lealdade malia a miña condición androidiana.
  5. O meu principal defecto? Hmm.... a preguiza e as inseguridades.
  6. A miña ocupación preferida? Descubrir e redescubrir (persoas, libros, música, datos, lugares, sensacións...)
  7. O meu soño de dita? Gorentar da vida en boa compaña e contribuír a que máis persoas poidan facer o mesmo.
  8. Cal sería a miña maior desgraza? O feche da fábrica autoxestionada de recambios do Dr.Slump e verme obrigada a aceptar pezas de coltán dunha multinacional expoliadora e corrupta.
  9. Que quixera ser? Unha macro-CPU sen límites de memoria.
  10. Onde desexaría vivir? Como vou sabelo con todo o que me queda por ver? Teño un alto potencial nómada... e últimamente moitas ganas de vivir Sana’a e Istambul.
  11. A cor que prefiro? O negro, amáis é a suma de tódalas cores.
  12. A flor que prefiro? As mapoulas dos campos pirenaicos, a da Herba Namoreira de Baroña e a do omnipresente toxo.
  13. O paxaro que prefiro? Aceptades Gatchán como paxaro?
  14. Os meus autores preferidos en prosa? Uff. Sen contar os moitísimos aos que aínda teño que lle botar o dente Calvino, Conrad, Gogol, Hesse, Orwell, Kafka, Poe, Hoffmann... e en ensaio Saïd, Huxley, Steiner, Bauman e S.Strange entre outros.
  15. Os meus poetas preferidos? M. Hernández, Maiakovski, Pessoa, L.G. Montero, Brassens, L.Cohen, Gontxarova (mágoa que aínda non optara por compartir os seus poemas con máis dunha ducia de persoas) ...
  16. Os meus heroes de ficción? John Constantine, Philip Marlowe e prácticamente todos os denominados "antiheroes".
  17. As miñas heroinas de ficción? Mafalda e (perdón polo autobombo) Arale.
  18. Os meus compositores preferidos? Chopin, Bach, Mussorgsky (é un borrachín entrañable), Bartók e mil mais que lle escoito a Gatchán e cuxos nomes descoñezo. E Dylan, Yorke, Waits, Gershwin, Charlie Parker, Django Reinhardt...
  19. Os meus pintores predilectos? Kandinsky, Kupka, Ernst, Schiele, Klee, Klimt, Miró, Dalí, Friedrich, Goya e moitos outros cuxos nomes non lembro agora mais fronte cuxos cadros fiquei apampada.
  20. Os meus heroes e heroinas da vida real? Os anónimos que loitan en prol dos dereitos colectivos e da reducción das desigualdades. E xornalistas con coraxe como Politkovskaya, Kassir e R. Fisk.
  21. Os meus heroes e heroínas históricos? Olympe de Gouges, George Sand, Diógenes de Sínope... todos os que lle buscaron as cóxegas a unha realidade inxusta e contribuiron a mudala.
  22. Os meus nomes favoritos? Para el, Cojoncio Dagoberto Afrodisio e para ela Eufrasia Dorinda Iluminada. Admítense suxerencias para amplialos, pero abstéñanse de suxerir nomes heréticos como Tarek, Gael, Said, Asier ou Selma, Aissa, Kira, Nuba...
  23. Que detesto máis que nada? As inxustizas, as migrañas tortuosas e as coles de Bruselas.
  24. Que caracteres históricos desprezo máis? Ufff...moitos, aos tiranos déspotas especialmente.
  25. Que feito militar admiro máis? Se se poden considerar como tais, os armisticios.
  26. Que reforma admiro máis? A que está a preparar o Dr.Slump para o meu hardware.
  27. Que dons naturais quererías ter? O de facer viaxes astrais e o de curar coas mans (ou coas verbas).
  28. Como me gustaría morrer? Canda Morfeo. Anque segundo as cartas de Eli morrerei dun tiro na caluga antes dos 30 nalgún país exótico e segundo o oráculo, aos 28 violada brutalmente nunha calexa.
  29. Estado presente do meu espírito? Á espreita do meu futuro máis próximo que se presenta moi movido.
  30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Depende das circunstancias.
  31. O meu lema? N'cha!!

Menovky: ,