Lehendakaris e os perigos do Rioja Alavesa
Podería desculparme escudándome no incrible feixe de trámites que se requiren para poder cambiar os meus circuitos de continente ou mesmo na fatídica cegueira destes días, agasallo dun oculista neglixente; pero o certo é que xa toca actualizar, por moita cousa que lle collera aos ordenadores dende que ando choiando na maquila.

Alén do aspecto máis "explícito" do tour, tiven "chicha" da intanxible para repartir. Ao fin e ao cabo a miña principal coartada foron uns cursiños dos que gorentei canto puiden, malia non ser xurista nin nada que se lle pareza. Se non me pode a desidia xa darei conta dalgún dos moitísimos temas abordados polos distintos profesionais que pasaron por alí (as inmunidades do Estado fronte as violacións dos Dereitos Humanos, o crecente protagonismo da "cultura" no discurso político, o poder estructural, o caso Letelier...).
Pero volvamos ao banal. Perderse polo casco vello de Vitoria, alias "a Améndoa", e descubrir, como quen non quere a cousa, os xenuínos recunchos que agocha sen ter que aturar a hordas de turistas é todo un pracer. Ir de cortos polo Húmedo, a carón da catedral e da súa zona vella é un vicio moi perigoso ao tempo que incríblemente tentador.

Dito isto, confesar que os maiores perigos non se derivaron dos cortos de "Miau" en compañía da miña aguerrida anfitriona berciana, senón dos Rioja Alavesa cos que nos encheron os políticos euskaldunes nas recepcións oficiais, a cara B dos cursiños. Foi así, entre rioja e rioja, como Araliña rematou en Ajuria Enea escoitando, algo desubicada, a Mr. Ibarretxe criticar duramente á Nova Orde Mundial, pegándolle un repaso ao egoísmo enerxético da UE e citando a Gandhi e Keynes entre outros. E eu que xa estaba afeita ao típico discurso de "qué bonito es el derecho internacional, muy importante, sí, sí".

O que si me quedou claro na fase máis nórdica do meu periplo, logo de intensas sesións de debate con nativos e non nativos durante as pausas e os pinchos, foi a dimensión oculta do problema vasco. Quen o diría...
Menovky: norimakiadas, viaxes